Cristóbal Dobarro Gómez é o único candidato á presidencia da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), unha vez pechado o prazo de presentación de aspirantes. Dobarro, avogado e actual secretario da organización empresarial, relevará na presidencia a Isidro Silveira Rey, que na asemblea do próximo día 9 de xuño finalizará o seu mandato de catro anos. A candidatura de Cristóbal Dobarro está avalada, como marcan os estatutos, pola entidade á que pertence -a Asociación de Novos Empresarios Ferrolterra- da que foi presidente ata xaneiro deste mesmo ano. Da asemblea do día 9 sairá a nova directiva de Cofer, na que acompañarán ao presidente un vogal de cada asociación da confederación, seis vogais máis elixidos entre todas as asociacións membro, dous representantes con voz pero sen voto por proposta do presidente, e o último expresidente, salvo renuncia expresa pola súa banda.