A gala da II Edición dos Premios Ferrolterra Emprende serviu como marco para facer unha homenaxe ao empresario de San Sadurniño, Cándido Hermida. Este, recibiu unha placa da man do presidente de AJE Ferrolterra, Cristóbal Dobarro, xesto tras o cal, comezou un discurso no que agradeceu á Asociación o pensar nel para este recoñecemento. Hermida, visiblemente emocionado, dedicoulle este recoñecemento á súa familia e á súa muller, que a acompañaba neste acto.
Diversas personalidades mencionárono nos seus discursos, tal foi o caso de David Alva, presidente de CEAJE (Confederación Española de Novos Empresarios), Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña e tamén Cristóbal Dobarro.
A coñecida carreira profesional do empresario, xira entorno á creación en 1984 do taller de ebanistería, Cándido Hermida, tras quedar naquel momento sen emprego con 45 anos. Naquel ano comezaba a súa andaina empresarial en solitario, convertendo posteriormente o seu modesto taller, nunha empresa de servizos a principios da década dos 90.
Máis de 25 anos no sector, avalan o alto nivel de servizo ofrecido pola empresa, que dá traballo a ao redor de 400 persoas nos seus 6 centros de produción distribuídos entre as provincias da Coruña e Lugo. Na actualidade, a empresa desenvolve proxectos non só a nivel autonómico e nacional, senón tamén internacional.
Ademais, no ámbito laboral, Cándido Hermida mantén unha política de formación que garante a alta cualificación dos seus empregados, o que constitúe a mellor aposta para o futuro da súa actividade e para a satisfacción dos seus clientes.
Todo iso é motivo máis que suficiente para recoñecer a traxectoria de Cándido Hermida, un exemplo de emprendedurismo, esforzo e sacrificio no traballo.